gdr terras do deza

COORDENADAS OFICINA GDR TERRAS DO DEZA
Coordenadas Xeódesicas
X:569772.8351609055 - Y:4725294.7172582615
Coordenadas Xeográficas:
42°40'30.05" N - 8°08'59.43" O

Asoc. de Desenvolvemento Rural Terras do Deza
Rúa E, Pg.l.Lalín 2000
36500 Lalín - Pontevedra
Tel.-Fax +34 986 794 463 / 647 497 426
info@gdrterrasdodeza.com

DEREITOS E OBRIGAS - SOCIOS

Adquisición da condición de asociado/a

1.- Para que unha entidade teña a condición de asociado/a deberá figurar na lista de fundadores ou ben, unha vez constituída a asociación, solicitar o ingreso mediante un escrito dirixido ao presidente/a no que manifeste a vontade expresa de adherirse á asociación e de comprometerse coa consecución dos fins estatutarios. Debe achegar, ademais, un acordo do órgano competente da entidade que exprese a vontade de ser asociado/a e a persoa, titular e suplente, que a representará na asociación.

2.- Cando un/unha candidato/a a ser asociado/a non teña o seu domicilio social no ámbito de actuación desta asociación deberá demostrar que desenvolve unha actividade relevante e consolidada no tempo nese ámbito territorial.

3.- Cando unha entidade solicite a entrada na asociación deberá acreditar un ano de actividade no ámbito territorial da asociación.

4.- O/A presidente/a trasladaralle a solicitude á Xunta directiva, que deberá resolver nun prazo non superior a dous meses dende a data de presentación, adscribindo a solicitante a unha das mesas sectoriais, segundo o seu interese preferente.Contra o acordo denegatorio da admisión a solicitante poderá recorrer ante a primeira asemblea xeral que teña lugar, e deberá figurar este asunto expresamente na orde do día correspondente.

5.- Non adquiren a condición de asociado/a tanto os fundadores como os membros que se incorporen con posterioridade mentres non satisfagan a cota de entrada establecida e as débedas pendentes coa asociación.

6.- Establécese unha cota anual de 10 euros para cada socio/a do ámbito privado. Os/As socios/as do ámbito público debera satisfacer unha cota conxunta que será sempre superior ao importe total das cotas satisfeitas polos socios/as do ámbito privado que en cada momento formen parte desta asociación.

Perda da condición de asociado/a

A baixa da asociación por calquera motivo non exime ao asociado/a de satisfacer as obrigas e compromisos de calquera natureza que tivera pendentes.
Perderase a condición de asociado/a:
a)Por decisión voluntaria do/da asociado/a, comunicada por escrito ao presidente/a.
b)Por sanción imposta pola xunta directiva, de xeito motivado e con audiencia do interesado/a , por incumprimento grave ou reiterado das obrigas inherentes á condición de asociado/a. O acordo de expulsión notificarase por escrito e contra el caberá recurso ante a primeira asemblea xeral que se realice.
c)Por extinción da persoa xurídica representada na asociación.

Dereitos dos/das asociados /as:

Os/as asociados/as teñen os seguintes dereitos:
a)Elixir e ser elixidos para formar parte da xunta directiva e doutros órganos que se poidan crear.
b)Participar con voz e con voto na asemblea xeral.
c)Obter información sobre calquera aspecto da marcha da asociación que lle poida resultar de interese.
d)Os demais que resulten das normas legais e dos estatutos da asociación, ou dos acordos validamente adoptados polos seus órganos sociais.
e)Participar nas actividades da asociación.
f)Ser oídos con carácter previo a adopción de medidas disciplinarias contra eles/as e ser informados dos feitos que dean lugar a tales medidas.
g)Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estimen contrarios á lei ou aos estatutos.
h)Para poder participar na asemblea xeral e nas actividades da asociación será necesario estar ao corrente no pagamento das cotas.

Obrigas dos/das asociados/as

Son obrigas dos/das asociados/as:
a)Satisfacer a cota de entrada e de mantemento.
b)Asistir ás asembleas xerais e acatar os estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos sociais.
c)Ocupar os cargos para os que resulten elixidos/as e desempeñar fielmente as obrigas inherentes a eses cargos.
d)Participar e realizar cantas tarefas lles encomenden a asemblea xeral, a xunta directiva, as mesas sectoriais das que formen parte ou outros órganos que se creen.
e)Ausentarse nos debates e votacións sobre asuntos nos que teñan interese directo por motivos de titularidade, económicos ou societarios, de parentesco até o terceiro grao de consaguinidade, afinidade ou adopción, ou de amizade íntima ou inimizade manifesta.
f)Fomentar os obxectivos que promove a asociación.
g)Cumprir os demais deberes que resulten dos preceptos legais e estatutarios ou dos acordos que validamente adopten os órganos sociais.